Este luns, 7 de xullo, foron izadas as bandeiras azuis nas
praias burelesas de A Marosa, Portelo e Ril. O areal da Marosa conta con
este distintivo de xeito ininterrumpido desde o ano 1993.
O alcalde, José Mª González Barcia, contou que “no día de hoxe
procedemos ao izado das tres bandeiras azuis concedidas por Adeac ao
Concello de Burela para outras tantas praias: en concreto a da Marosa,
que é a que dende hai máis tempo ten a bandeira azul; a de Portelo, que
conta con ela desde 1999, aínda que a perdeu en 2003 e volveu recuperala
ao ano seguinte; e a de Ril, que a tivo un ano e que a recupera agora”.
A edil popular, Diana Durán, sinala que "para o equipo de goberno é unha satisfacción que as tres praias máis usadas polos veciños e veciñas do noso concello teñan as tres a bandeira azul, porque isto é un traballo que se ven facendo dende hai moitos anos por parte de moita xente e coa súa colaboración . Sen dúbida ningunha que unha praia teña bandeira azul é un reclamo turístico de primeira magnitude e, por outra parte, significa que conta cuns servizos cunha calidade recoñecida”.
O rexedor subliñou que “no caso das praias de Burela o servizo de
socorrismo funciona xa dende o sábado pasado. Temos dez socorristas para
cubrir as tres praias durante todo o verán, ata principios do mes de
setembro. As praias están completamente listas para ser usadas polos
cidadáns e polos visitantes: contan con duchas, algunhas delas repostas
despois dos temporais; teñen servizos hixiénicos todas elas; este ano
incorpórase unha novidade importante, que é que se teñen substituído as
casetas dos socorristas de Portelo e Ril, as sombrillas están todas
colocadas tamén, ao igual que tódolos colectores de recollida de lixo; e
a limpeza estase facendo diariamente”.
A concelleira de Medio Ambiente e Mar, Patricia López Eijo, lembrou
que “o ano pasado compráronse esas dúas casetas, unha para O Portelo,
que consta de dous baños (un deles para minusválidos) ademais da zona
para os socorristas, que ten taquillas, camilla… e outra para Ril onde
prestan servizo os socorristas”. López Eijo subliñou que “isto suponnos
un aforro de 1.500 euros, que era o que se pagaba polo aluguer das
casetas e polos baños químicos que se colocaban en Portelo, e que agora
están situados dentro da propia caseta desta praia. Tamén fixemos
arranxos de fontanaría nos baños da praia da Marosa”.
González Barcia indicou que “as praias están en perfectas condicións,
máis aínda se cabe tendo en conta que Costas cumpriu co seu compromiso
de ter arranxados os danos causados polos temporais a mediados do mes
pasado. E iso foi así, polo tanto temos que recoñecerlle e agradecerlle a
Costas o esforzo que fixo. Soamente dou un dato: na rexeneración do
espigón da praia da Marosa téñense colocado 2.500 metros cúbicos de
pedra, cun presuposto de 120.000 euros. Os paseos están todos en
perfectas condicións e tense feito a limpeza da maleza nas tres praias”.
E engadiu: “en conclusión, as praias de Burela, a partir de hoxe coa
bandeira azul, locen máis aínda, se cabe. Polo tanto, temos que
agradecerlle a todas as persoas do Concello implicadas no mantemento das
praias e tamén aos usuarios a súa colaboración para que as praias
estean limpas e que poidan contar un ano máis con bandeira azul. Este
ano queremos que as praias estean en perfecto estado para poñer todo o
que de nós dependa de cara a revalidar os tres galardóns bandeira azul
para o próximo ano 2015”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario