lunes, 13 de enero de 2014

ESTA SEMANA BOTA A ANDAR EN BURELA O PROXECTO "EDUCANDO EN FAMILIA" PARA NENAS E NENOS DE ENTRE 0 E 6 ANOS

Esta semana comeza a súa andaina o proxecto educativo Educando en Familia, segundo ven de anunciar a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán. 
A edil popular subliña que “Educando en Familia dalle continuidade á Aula Junior. Os espazos educativos desenvoltos por Estefanía Eijo, antiga mestra-orientadora de Preescolar Na Casa, están dirixidos ás familias que teñan nenos e nenas de idades entre 0 e 6 anos. Estas xuntanzas levaranse a cabo ao longo do ano na Casa da Cultura, concretamente na Aula de Familia, e haberá diferentes grupos en horario de mañá e tarde, atendendo ás idades e necesidades dos nenos e nenas”.

Diana Durán indica que “Educando en Familia é un programa de coeducación e igualdade e de formación de familias, onde a súa presenza é vital para educar a nenas e nenos de cero a seis anos do Concello de Burela, desenvolvendo as súas aptitudes, a súa aprendizaxe e a confianza en si mesmas/os, realizando actividades adaptadas a cada idade na que o obxectivo é difundir unha cultura da infancia e acompañar á familia na aventura de medrar e no desafío de educar”.

Educando en Familia inicia a súa andaina esta semana, dándolle continuidade a Aula Junior, tras o descanso das vacacións de nadal. 

Os pais e nais poden dirixirse ao Centro de Información á Muller (CIM) en horario de 8 a 15 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario