miércoles, 27 de noviembre de 2013

SERVIZOS SOCIAIS E POLICÍA LOCAL AUNAN ESFORZOS PARA TRABALLAR COAS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO E DOMÉSTICA

No día de onte, a Concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, Diana Durán, participou acompañada dun membro da Policía Local de Burela, na xornada de "FORMACIÓN E ACTUALIZACIÓN SOBRE O SISTEMA DE SEGUIMENTO INTEGRAL DOS CASOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO", celebrada en Lugo e onde se reuniron distintas persoas usuarias das Forzas e Corpos de Seguridade, de Institucións Penitenciarias e do persoal da Administración de Xustiza relacionada coa Violencia de Xénero.

A ponencia foi a cargo de D. Miguel Izquierdo Colmenero, Xefe de Proxectos Informáticos do Gabinete de Estudos de Seguridade Interior da Secretaría de Estado de Seguridade, encargado da presentación e manexo da ferramenta informática á que se vai ter acceso en breves dende o Concello de Burela, entre outros, para manexo do responsable da Policía Local, en materia de violencia de xénero.

Esta actividade de formación está directamente relacionada coa adhesión por parte do Concello de Burela ao Protocolo de colaboración e coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e os Corpos de Policía Local para a Protección das Vítimas de Violencia Doméstica e de Xénero, atendendo así á proposta realizada dende a Subdelegación do Goberno en Lugo e converténdose nun dos primeiros concellos da comarca na súa implantación.

A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, sinala que “a Administración Local como a instancia máis próxima ao cidadán, configúrase coma un espazo privilexiado para a intervención coas vítimas de violencia de xénero do termo municipal, de aí a importancia de contar con esta nova ferramenta de traballo".


O equipo de goberno entende que “a adhesión feita no seu momento ao referido protocolo por parte do Concello de Burela é moi positiva tanto para as vítimas de violencia de xénero xa que incrementa a súa percepción de seguridade, como tamén polo feito de que as autoridades locais, os distintos partidos políticos e a sociedade en xeral, se impliquen en combater a inaceptable situación de permanente inseguridade que sofren moitas mulleres”. 


Diana Durán, responsable dos Servizos Sociais en Burela sinala que “a colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e os Corpos de Policía Local nesta materia guíase, en todo caso, polos seguintes criterios:

1.Proporcionar ás vítimas unha resposta policial da maior rapidez e eficacia nas situacións de risco.

2.Proporcionar unha resposta policial da máxima sensibilidade, calidade e eficiencia na atención e protección ás vítimas e evitar ás actuacións que supoñen un incremento da vitimización, especialmente a duplicidade de intervencións.

3.Proporcionar á vítima información clara e accesible sobre os dereitos recoñecidos na Lei Orgánica 1/2004 e dos recursos existentes para a efectividade de tales dereitos no ámbito territorial correspondente.

4.Facilitar a transmisión entre as Forzas e Corpos de Seguridade e os órganos xudiciais de toda a información relevante para a protección da vítima”.

Desde o equipo de goberno cren firmemente que esta iniciativa “é necesaria no noso termo municipal para dar a máxima cobertura ás vítimas de violencia doméstica e de xénero”.
FOTO: D. Miguel Izquierdo Colmenero (Xefe de Proxectos Informáticos do Gabintete de Estudios de Seguridade Interior da Secretaría de Estado de Seguridade); D. Ramón Carballo (Subdelegado do Goberno en Lugo: Dona Ana Belén Pacio (Xefa da Unidade Contra a Violencia De Xénero na Subdelegación de Goberno en Lugo).

No hay comentarios:

Publicar un comentario