viernes, 15 de noviembre de 2013

A CONCELLEIRA DE SERVIZOS SOCIAIS E IGUALDADE DO CONCELLO DE BURELA PARTICIPOU NA ASAMBLEA DO FONDO GALEGO EN COMPOSTELA



Diana Durán García, Concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade do Concello de Burela, participou onte, xoves 14 de novembro, en Santiago de Compostela na Asemblea Xeral do FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE, entidade da que é socio o Concello de Burela. Na xuntanza, que deu comezo ás 12.30 horas na sede da FEGAMP, decidíronse os proxectos que se cofinanciarán durante os próximos meses en países do Sur e presentouse o novo Plan de Comunicación Online do Fondo Galego.
 
Quince ONGD galegas presentaron á convocatoria aberta este ano un total de 17 proxectos de cooperación ao desenvolvemento nunha decena de países, en sectores que van desde a sanidade e a educación ata o fortalecemento da sociedade civil ou a protección do medio ambiente. Unha vez baremadas as propostas pola  Secretaría do Fondo Galego, a Comisión Avaliadora, integrada por persoal de distintas administracións socias, trasladou o seu ditame á Comisión Executiva, que formulou a proposta que resolveu onte a Asemblea, que por unanimidade acordou financiar os seguintes proxectos:

1. MELLORA NAS CONDICIÓNS EDUCATIVAS DA ESCOLA E CENTRO INFANTIL HITAKULA DAS MAHOTAS (MOZAMBIQUE).
2. PREVENCIÓN E REDUCIÓN DA VULNERABILIDADE DE RISCO DE INUNDACIÓNS NAS COMUNIDADES E CENTROS ESCOLARES DOS MUNICIPIOS DE TECOLUTA E ZACATELOCUTA (EL SALVADOR) A TRAVÉS DA MITIGACIÓN E EDUCACIÓN AMBIENTAL.
3. MELLORA DAS CAPACIDADES PARA A PREVENCIÓN DE DESASTRES DA POBOACIÓN DE HABANA VIEJA, RECUPERANDO O PATRIMONIO CULTURAL DO MUNICIPIO EN CIDADE DA HABANA (CUBA).

Tamén se estudiou a maneira de colaborar con FILIPINAS, acordando unha doazón de 10.000 € dos concellos e das diputacións, a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e por outra banda, abrir unha conta de emerxencia para que poidan participar todos os cidadáns que así o desexen e axudar a Filipinas nestes momentos tan difíciles.

Na xuntanza expúxose, asemade, un avance do Plan de Comunicación Online, ao que cada deputación e concello socio pode contribuír e, á vez, tirar rendemento, aproveitando o valor agregado que supón formar parte desta rede de institucións e persoas. O documento parte da base de que tamén cooperamos cando comunicamos, por exemplo visibilizando as motivacións e resultados dos proxectos no Sur ou das actividades de sensibilización en Galicia. As novas tecnoloxías e as redes sociais permiten redimensionar o alcance desta difusión e pór en marcha  boas prácticas ao respecto.

Nesta Asemblea xeral tamén se presentou o estado da asociación municipalista e as accións previstas no marco da Irmandade Galicia-Cabo Verde, que se desenvolverá entre o 8 e o 15 de decembro coa visita dunha delegación caboverdiana (delegación que visitará Burela) e as VIII Xornadas do Fondo Galego ‘Comunicación e cooperación internacional’, coincidindo co Día dos Dereitos Humanos.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.



No hay comentarios:

Publicar un comentario