jueves, 27 de septiembre de 2012

O ALCALDE E A CONCELLEIRA DE SERVIZOS SOCIAIS MANTIVERON UN ENCONTRO CON FAMILIAS DE ENFERMOS DE ALZHEIMER PARA VER AS POSIBLES AXUDAS A PRESTAR A ESTES COIDADORES DESDE O CONCELLO. A XUNTANZA CELEBROUSE O DÍA MUNDIAL DESTA ENFERMIDADE.



O alcalde, José Mª González Barcia, e a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, mantiveron un encontro con 15 familiares de enfermos de alzheimer para ver as posibles axudas que desde o Concello de Burela se lles poidan prestar a estes coidadores. 

O rexedor explicou que “en principio a nosa intención, e así se lles expuxo, é a de colaborar na medida das nosas posibilidades con estes coidadores de enfermos de alzheimer. É unha situación moi complexa, que ás veces incluso carrexa mesmo problemas de saúde para os propios coidadores. Nós somos conscientes desde o Concello de que dalgunha forma hai que botarlles unha man”.

González Barcia lembrou que “agora mesmo aquí, en Burela, hai un centro de día, na residencia da terceira idade, onde se acolle a persoas que padecen alzheimer ademais doutras enfermidades neurodexenerativas. E desde o Concello nos brindamos fundamentalmente a colaborar con eles na organización dunha asociación que aglutine aos coidadores, ás familias dos enfermos de alzheimer, para axudarlles na tramitación de toda a documentación e conseguir así liñas de axuda, subvencións, etcétera para paliar esa situación que os coidadores moitas veces teñen. Neste sentido a intención nosa é poñelos en contacto con colectivos semellantes que están xa traballando e operando noutros puntos da nosa comunidade autónoma”.
Alcalde, concelleira de Servizos Sociais e familiares manterán un novo encontro o día 8 de outubro, luns, “para acabar de concretar e definir a constitución da asociación e ver qué pasos comezamos a dar”, sinalou Diana Durán.

O rexedor dixo ser consciente “dos efectos positivos que pode e debe ter a constitución desta asociación. A consecución de axudas, subvencións, etcétera non se van plasmar nin tan sequera a medio prazo, os efectos vanse a ver a longo prazo, pero eu creo que desde a administración municipal temos que abrir unha porta á colaboración con esas persoas nas medida das nosas posibilidades. Somos plenamente conscientes de que os recursos agora mesmo son limitados, pero eu creo que si colaboramos con eles e si nos organizamos os logros poden e deber vir, sempre en beneficio precisamente desas persoas que viven día a día e de forma moi directa as implicacións e a consecuencias das enfermidades neurodexenerativas”.

E engadiu que “a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, vai comezar xa a dar pasos nese sentido, coñece ao persoal de Servizos Sociais, e nesa reunión do luns día 8 de outubro seguramente que acabaremos xa por concretar e por definir cales van ser os primeiros pasos que imos dar para intentar axudar na medida das nosas posiblidades a esas persoas”. 

O encontro producíase na xornada na que se celebra o día mundial do alzheimer, o pasado venres 21 de setembro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario