viernes, 24 de agosto de 2012

A SUBVENCIÓN DE MÁIS DE 44.000 EUROS QUE RECIBIU O CIM SUPORÁ GARANTIR A CONTINUIDADE DO SERVIZO, SEGUNDO DIANA DURÁN. A CONCELLEIRA DE SERVIZOS SOCIAIS AMÓSASE MOI SATISFEITA DO TRABALLO DESENVOLVIDO POR ESTE CENTRO.


Burela, 23 de xullo de 2012. Satisfacción da concelleira de Servizos Sociais de Burela, Diana Durán, tras a subvención de máis de 44.000 euros que percibe o CIM, “o que suporá garantir a continuidade do servizo”.

Durán sinala que “o CIM de Burela é o mais destacado da provincia de Lugo, tanto polas prestacións que ofrece, como pola cantidade de demandas atendidas e a calidade na atención das profesionais que o conforman. Así o demostrou a totalidade de puntos obtidos para optar á subvención do Programa de Apoio aos Centros de Información ás Mulleres que a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia convocou para este ano 2012”. Concretamente, o CIM de Burela obtivo un total de 67 puntos no proxecto presentado, onde se especifican, entre outros, as áreas nas que se traballa, o número e tipo de consultas que se atenderon e as profesionais adscritas ao servizo. A puntuación obtida deu lugar a que o CIM de Burela perciba o 98% do total a solicitar, concretamente 44.100 euros, “o que supón garantir a continuidade da prestación do servizo”. 

A responsable dos Servizos Sociais no Concello de Burela, Diana Durán, resalta “o bo funcionamento do CIM e a cantidade das mulleres atendidas no mesmo, non só de Burela, senón tamén doutros concellos veciños que non dispoñen deste servizo”. A edil recorda que “se atenden áreas como a xurídica, orientación profesional, emprego, recursos, información sobre axudas que ofrece a Secretaría Xeral de Igualdade, atención psicolóxica e outras”. Así mesmo, a edil popular eloxia o traballo das profesionais do CIM de Burela “que fai que sexa o cabeceira de provincia. Esta subvención recibida garante a continuidade das tres profesionais que conforman o centro: asesora xurídica, psicóloga e administrativa”. Tamén indicou que a subvención do 2012 veuse incrementada respecto ao 2011.  

Nesta liña, Durán lembra que “hoxe en día cada vez máis se está a destapar a problemática de discriminación e violencia de xénero que as mulleres veñen sufrindo ao longo da historia da humanidade, e querémoslle recordar a todas as mulleres mariñanas que teñen á súa disposición no Concello de Burela un Centro de Información á Muller, que é un servizo pensado para apoiar á muller, proporcionándolle toda a información necesaria para solucionar o problema ou problemas que estea a padecer”.

Desde a Concellería de Servizos Sociais indican que as funcións do CIM pasan por: concienciar á poboación en xeral da problemática específica que afecta ao colectivo feminino; dinamizar a presenza das mulleres na actividade social, cultural e económica da zona; darlles a coñecer ás usuarias os seus dereitos, así como os servizos e recursos existentes na comunidade autónoma a favor das mulleres (recursos de carácter social, cursos de formación, programas da Secretaría Xeral de Igualdade, subvencións das distintas consellerías, doutros organismos, etc…); impulsar a formación e inserción laboral das mulleres; denunciar calquera tipo de discriminación, sexa directa ou indirecta, e de situación que supoñen un atentado á dignidade da muller; proporcionar un asesoramento personalizado para a realización de xestións administrativas (cubrir impresos, realizar un currículo, inscribirse nun curso...); e recompilar datos sobre a situación das mulleres, as súas inquedanzas e demandas para poder propoñe-las medidas necesarias para solucionalas.

As principais accións realizadas polo Centro de Información á Muller de Burela foron: prestación de atención asistencial baseada nunha estreita colaboración coas casas de acollida, xulgados, entidades prestadoras de servizos sociais e outros centros da rede informativa da Secretaría Xeral de Igualdade; organización de charlas e conferencias sobre temas de especial interese para a muller, de tipo formativo e informativo: malos tratos, separacións matrimoniais e divorcios, planificación familiar, saúde e medio ambiente, educación dos fillos e fillas, asociacionismo, técnicas de busca de emprego, autoestima, autodefensa, etc; actividades que lles permitan ás mulleres unha mellor participación sociocultural e unha promoción persoal, adquirindo novos coñecementos ou desenvolvendo habilidades. Tiveron carácter moi diverso: nutrición, informática, manualidades, patronaxe e confección, restauración de mobles, primeiros auxilios... e o CIM de Burela conta cun servizo de teletradución, que comezou a funcionar hai uns meses.

No hay comentarios:

Publicar un comentario