lunes, 30 de junio de 2014

AS OBRAS DE CONSTRUCCIÓN DA NOVA ESCOLA INFANTIL DE BURELA DARÁN COMEZO EN SETEMBRO

O proxecto básico de construción da nova escola infantil de Burela podería estar no Concello na segunda quincena de xullo e as obras iniciaranse en setembro. Tanto os técnicos coma o alcalde, José Mª González Barcia, consideran que estes prazos poderán cumprirse. 
O rexedor contou que “na reunión mantida o pasado 25 de xuño, en Santiago de Compostela, na sede do Consorcio Galego de Benestar e Servizos Sociais co seu xerente, Roberto Rodríguez, e cos técnicos que están a redactar o proxecto da nova escola infantil para o noso concello quedou ultimado, en liñas xerais, o calendario que se seguirá a partires de agora en canto a prazos”.

González Barcia lembrou que “nosoutros no último pleno extraordinario procedemos á aprobación da adquisición por expropiación por xustiprezo do solar de 2.200 metros cadrados, con fachada á avenida da Mariña, por importe total incluídos impostos de 99.000 euros. Tal e como marca a normativa vixente houbo que publicar o acordo no Diario Oficial de Galicia. O prazo para a súa exposición pública é de 20 días hábiles, e se non me falla a memoria, remata o vindeiro 13 ou 14 de xullo”.

O alcalde burelés dixo que “a partires de aí procederemos a levantar a acta de ocupación do indicado solar, xunto cos actuais propietarios. Proceder á inscrición rexistral da mesma e logo proceder ao pago do seu custe”.

Neste sentido a edil popula, Diana Durán, conta que “o proxecto básico desa obra estea no Concello aproximadamente, como moi tarde, na segunda quincena do mes de xullo. Despois se lle podería dar licenza de obra en base a ese proxecto básico para proceder á redacción do proxecto de execución e a obra podería empezar nas primeiras semanas do mes de setembro”.

Segundo a Concelleira de Servizos Sociais “o persoal técnico entende que estes prazos non teñen demasiada complexidade para seren cumpridos. Por parte da administración local entendemos que non ten porque haber ningún tipo de atranco para cumprir estes prazos porque o trámite máis importante, que era a adopción do acordo relativo á adquisición do solar, está feito e os outros trámites son os que marca a normativa vixente”.

Para González Barcia “a xuntanza foi positiva para poñernos de acordo cos prazos e co procedemento a seguir, a pesar de que ese procedemento xa ven claro. É un paso máis de cara á consecución dun servizo que nós entendemos fundamental para o noso concello. A actual escola infantil ten lista de espera, somos conscientes de que hai familias que non inscriben aos seus fillos e fillas porque saben que non van ter sitio e polo tanto esta nova dotación socio educativa é pertinente e moi necesaria para Burela e nese sentido o que está claro é que, aínda que supón un esforzo económico importante para o Concello de Burela, non é menos certo que as familias que o precisan o van agradecer”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario